No país dos mil ríos, onde a auga brota da terra e entre as rocas, nace Dama Alaricana, a túa cervexa artesá elaborada de forma natural.
Esta cervexa reflexa a esencia do lugar onde ten a súa orixe, unha pequena aldea chamada Portela de Airavella, pertencente á vila ourensá de Allariz, concello galego repleto de historia, arte e tradición.

Para o noso nome tomamos o xentilicio feminino de Allariz “alaricana” porque estamos orgullosos de pertencer a esta fermosa comarca e porque somos coñecedores da importancia da muller na sociedade e na historia de Galicia.
Consideramos a esta nobre cervexa como a unha gran señora, seria, galante e distinguida, merecedora do noso respecto e por iso denominámola “Dama”, como se designaba a unha muller acomodada e con estas características, alá polo século XIX.
A Portela de Airavella é un lugar onde os seus veciños conviven día a día, rodeados de natureza e arraigados ás tradicións máis antigas.
Alí nacen as nosas augas máis puras, brotando de mananciais naturais, que converten as terras en campos fértiles e fan dos seus paisanos e paisanas xente saudable.

Unhas augas de notable calidade coa que se elabora Dama Alaricana e que xa no pasado foi axuda inestimable nos tamén artesanais traballos da súa case decena de pequenas fábricas de curtir peles.
Esta aldea aínda hoxe é recordada pola súa florecente industria artesanal do curtido do coiro, principal actividade económica durante o século XIX e ata a primeira metade do século XX, cando a chegada da industrialización, a principios dos anos 60, produce unha decadencia económica e demográfica que obriga a moitas desas familias a emigrar para probar sorte en terras afastadas.
Isto aconteceulle á familia Conde-Rodicio, que se viu abocada a pechar a súa fábrica de curtidos, a desfacerse de todo o seu capital e a abandonalo todo para empezar de novo noutro sitio máis próspero afastado da súa Galicia querida.
Pero esta familia, tras o paso de máis de 50 anos e dúas xeracións despois, recuperou ese espírito emprendedor dos seus devanceiros, de elaborar algo coas súas propias mans e de modo moi artesanal, con produtos naturais e con auga natural da Portela de Airavella: a nosa cervexa artesanal Dama Alaricana.
Somos unha pequena fábrica de cervexa que realiza todo o proceso de elaboración de forma manual, desde o moído e a adición do gran e o lúpulo, ata o embotellamento e etiquetaxe, buscando sempre un saber facer único, persoal e artesanal.
Durante a súa produción non se utilizan conservantes nin colorantes artificiais. Esta cervexa artesá non está pasteurizada e realiza a súa segunda fermentación en botella.

 

Dama Alaricana é unha cervexa viva e en constante evolución.

A súa produción é limitada e coida tanto a orixe como a calidade das súas materias primas. En todo momento da fabricación, contrólase e avalíase o proceso produtivo e mímase cada lote de forma persoal.

Goza das cousas ben feitas e toma o teu tempo para degustar esta cervexa artesá de calidade.

dama-bgrnd